O Concello da Laracha celebra o IV Memorial José Antonio Vega o 27 e 28 de Decembro

O CONCELLO DA LARACHA SERÁ “A CAPITAL PROVINCIAL DO BALONCESTO” COA CELEBRACIÓN DO IV MEMORIAL JOSÉ ANTONIO VEGA

19 de decembro de 2014

 Presentación IV Torneo de baloncesto José Antonio Vega

A cuarta edición do torneo de baloncesto memorial “José Antonio Vega” presentouse hoxe no Salón de Plenos do Concello da Laracha, acto que contou coa presenza de representantes do goberno local, así como dos diferentes clubs e escolas que organizan e colaboran no desenvolvemento deste evento, no que se agarda a participación de preto de cincocentos xogadores de todas as categorías ao longo da fin de semana do 27 e o 28 de decembro.

 

Durante esas dúas xornadas disputaranse corenta e seis partidos nos pavillóns polideportivos do IES Agra de Leborís e nos municipais da Laracha, Paiosaco e Caión, contándose coa presenza de corenta e sete equipos de trece clubs diferentes, en concreto as Escolas Municipais da Laracha, C.B. Laracha,  Escola Basket Xiria, C.B. Artai, Escolas Municipais de Santa Comba, A.C.B. Costa da Morte, A.D. Calasancias, C.B.A. Obradoiro de Santiago, C.B. Culleredo, C.B. Montrove, Basket Coruña, Basketmi Ferrol e Amfiv de Vigo.

 

Nesta edición do evento destacan dúas novidades. En primeiro lugar, salientar que por primeira vez terá unha duración de dous días e, por tanto, un notable incremento no número de xogadores e clubs participantes con respecto aos tres anos anteriores. Ademais haberá un encontro de exhibición de baloncesto adaptado en cadeira de rodas no que participarán os dous clubs galegos que contan con equipos nesta modalidade, como son o Amfiv de Vigo (club profesional que compite na División de Honra, máxima categoría a nivel nacional) e o Basketmi Ferrol (club afeccionado da Primeira División).

 

O alcalde, José Manuel López Varela, agradeceu aos organizadores o seu traballo, que permitirá que “o Concello da Laracha sexa a capital provincial do baloncesto ao longo desa fin de semana”. O rexedor valorou o esforzo que supón desenvolver un programa destas características, que terá “a tope de actividade os catro pavillóns polideportivos”. Para López Varela consolidar este torneo e aumentar o seu programa “supón unha dobre satisfacción” porque demostra o compromiso por “impulsar este deporte a través das escolas municipais” e permite “incluír o baloncesto adaptado, mostrando o esforzo que están facendo moitas persoas para promocionalo”. Por último, lembrou a figura de José Antonio Vega, ao que se rende cada ano “unha merecida homenaxe por todo o que fixo polo basket tanto na Laracha como a nivel comarcal e provincial”.

 

Roi Vega, responsable da Escola Municipal de Baloncesto da Laracha e fillo de José Antonio, agradeceu “en nome da miña familia” a labor do Concello da Laracha e do resto dos clubs organizadores e participantes, considerando que “o meu pai estaría contentísimo pola celebración deste torneo”.

 

Joaquín Moreira, presidente do C.B. Artai, referiuse ás facilidades ofrecidas tanto polo Concello da Laracha, porque “nunca nos din non a nada”, como por todos os clubs, dado que “dixeron que si á primeira vez que se lles propuxo participar, e iso é de agradecer”,  por permitir “facer máis doada a organización dun evento que, ao ser de dous días, nun primeiro momento estaba un pouco asustado”.

 

Marcos Díaz, membro da directiva da Escola Basket Xiria, considera que “a consolidación do torneo é unha moi boa nova, porque demostra que o baloncesto crece e que esta parte de Galicia pode chegar a converterse nun referente neste deporte mesmo a nivel nacional”.

 

Eliseo Velo, vicepresidente do C.B. Laracha, mostrouse “plenamente disposto a colaborar” para que o evento “continúa indo ano a ano cara arriba”.

 

Por último, Manuel Cantelar, xogador do Basketmi de Ferrol, afirmou que “é unha honra que o baloncesto adaptado entre no cartel deste ano” e animou ao público a asistir ao encontro exhibición dos dous únicos equipos galegos desta modalidade porque “na pista poderá verse o que somos capaces de facer e a importancia a nivel social do que estamos realizando”.

 

Horarios Torneo Baloncesto

 

cartelmemorial jose antonio vega

Deixa un comentario

Deixa unha resposta

Tu dirección de correo no será publicada.


*