Xa queda moi atrás a tempada 1984/1985. Nesas datas a ASOCIACIÓN DEPORTIVA XIRIA decidiu incluír o baloncesto na súa oferta deportiva para os mozos. O 25 de xuño de 1985, a directiva, presidida por Gema Paz Bello, inscribía os equipos cadetes masculino e feminino na Federación Coruñesa de Baloncesto.

Os éxitos non tardaron en chegar. Na tempada 1987/1988 o equipo cadete masculino lograba disputar o campionato autonómico ante os mellores conxuntos da comunidade autónoma. Pero o feito que marcou o despegue do baloncesto na comarca de Bergantiños foi o ascenso á 2ª División Autonómica na tempada 1994/1995. Con este paso, o baloncesto carballés deixaba de deambular pola división provincial e pasaba a competir por toda Galicia.

A consecución do campionato e o ascenso a 1ª Autonómica da man de José María Malvar (ex adestrador de 1ª División Nacional) supuxo o maior logro acadado por un equipo de baloncesto na comarca. O último partido de liga, disputado no pavillón carballés, provocou un dos maiores cheos que se teñen rexistrado no polideportivo municipal dende a súa inauguración. Ese mesmo ano, José María Malvar abandona a disciplina do Xiria, levando con el a un dos xogadores carballeses con máis proxección ata a data, Marcos Díaz Molk, ademais doutros coma Lucas ou Balseiro.

Na tempada 1996/1997 os carballeses lograron o terceiro posto na fase de ascenso á Liga EBA malia contar cun dos equipos máis novos e con menos experiencia da liga. A fichaxe de Miki Abarca (ex xogador da liga ACB) achegou a experiencia necesaria para consolidar o equipo carballés coma un dos mellores da categoría.

Dende aqueles anos ata a actualidade, os equipos de baloncesto da Asociación Deportiva Xiria foron consolidándose de xeito lento pero con paso firme nos seus respectivos campionatos, ata converterse nun grupo de mozos respectado en todas as canchas da comunidade autónoma.

O club dou o seu gran salto no ano 2005, na tempada 2005/2006, cando o Calvo Xiria acadou o ascenso á liga EBA, entrando no reducido grupo de clubs en competición estatal. Ese ano coincide coa creación da ESCOLA BASKET XIRIA, o club que aglutinaría os equipos de base de XIria, e que ano a ano incrementa tanto o número de participantes coma a súa implicación e colaboración con outras entidades de Bergantiños e A Coruña.

No ano 2007, Básquet Coruña e Escola Basket Xiria asinan un convenio de colaboración, pioneiro no seu deseño, ao propoñer a coordinación das estruturas de base de ámbolos equipos co obxectivo de facilitar a evolución dos xogadores máis prometedores das súas canteiras. Seis xogadores procedentes de Básquet Coruña chegaron a formar parte da plantilla EBA da Escola Basket Xiria.

Nesa mesma liña, o pasado mes de xullo formalizouse a sinatura dun proxecto de vinculación entre os dous clubs representantes do baloncesto carballés, Escola Basket Xiria e Club Baloncesto Artai, o que supón un logro importantísimo para o futuro deste deporte en Carballo e a súa área de influenza, ademais de colocar a capital de Bergantiños como un lugar de referencia na práctica do baloncesto en Galicia.

O traballo coa canteira dende idades temperás, que acada o seu máximo expoñente cada 17 de maio no DÍA DO PEQUEBASKET coa xuntanza en Carballo de centos de nenos procedentes de clubs de toda Galicia, é un dos piares que a Escola Basket Xiria quere reforzar de cara ao futuro, sempre coa filosofía de dar saída aos xogadores máis prometedores de Carballo e manter o traballo cos equipos de base cos principios de máxima calidade formativa e ambición competitiva.