650 xogadores de 55 equipos converterán Carballo na capital do Basket no día das Letras Galegas

A Escola Basket Xiria presentou a quinta edición do seu Día do Pequebasket nun concorrido acto que tivo lugar no Casino

FOTOGRAFÍAS DO EVENTO

10/5/2017 O 17 de maio Carballo será, por quinto ano consecutivo, capital galega do baloncesto para os máis cativos. 650 xogadores de entre 5 e 8 anos e 55 equipos de toda a comunidade citaranse na zona do Pavillón Carballo Calero para gozar do V Pequebasket, unha data subliñada no calendario de clubs de Viveiro, Ourense, Lugo, As Pontes, A Coruña, Santiago, Ferrol, Porto do Son, Sarria, Teo, Vigo, Culleredo, Ponteceso, Cee, A Laracha e, claro está, a nosa localidade. A organización quedou, coma sempre, nas mans da Escola Basket Xiria, que conta coa colaboración do Concello, a Deputación Provincial da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto.

Do interese que esperta cada ano esta xornada de convivencia, deporte, saúde e amizade (que clausura, ademais, a tempada das Escolas de Iniciación do Basket Xiria e, nesta ocasión, tamén o Babybasket, a nova competición creada este curso pola Federación Galega) fala o feito de que houbese que pechar a inscrición once días antes da celebración do evento, e logo de ampliar ata 55 o número máximo de equipos participantes, inicialmente establecido en 49.

Como novidade, o vindeiro mércores non visitará o Pavillón Carballo Calero o ata este ano padriño do Pekebasket, Fernando Romay, pero si está confirmada a presencia de varios xogadores do primeiro equipo do Obradoiro.

O Pequebasket 2017 presentouse hoxe no Casino, nun acto no que foi anfitrión o presidente da xestora da entidade, Ricardo Vilas, e no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o presidente da  Escola Basket Xiria, Marcos Díaz Molk; o responsable de Deportes da Deputación, José García Liñares, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín.

“Nos nosos soños chegaríamos aos 1.000 participantes -asegurou Molk-, pero, por presuposto, tivemos que pechar a inscrición en case 650. Os cartos para o Pequebasket –engadiu- non son un gasto, son un investimento de futuro: en educación, en adestradores, en saúde”. Entre os agradecementos do presidente do Basket Xiria, ademais do alcalde e do edil de Deporte, Marcos Trigo, estivo o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Xose Regueira, “un dos impulsores do Pequebasket desde a primeira edición”, dixo.

Francisco Martín mostrouse gratamente sorprendido do “percorrido que está a ter o Pequebasket” e confesou que cando a Federación Galega puxo a andar o BabyBasket fíxoo tendo sempre moi presente o torneo do Basket Xiria. “Chámese Pequebasket, Babybasket ou como se chame, Carballo ten que ser un referente no baloncesto galego para rapaces desta idades”.

Para Liñares, o Pequebasket “ten un aspecto importantísimo, que é o da convivencia: a convivencia fomenta a educación e, loxicamente, a través da educación seremos moito máis libres”.

O alcalde de Carballo lembrou os nacementos de varias das seccións de Xiria no ano 1983. “Pero o que é máis importante de todo –dixo- é que moitas persoas que formaron parte de Xiria desde hai moitos anos sigan vinculadas ao club, porque o que claramente demostra isto é que os proxectos que teñen sentido son os colectivos, e os proxectos colectivos son os que lle dan vida a un pobo. Neste aspecto, todos nos temos que sentir moi afortunados de dicir que en Carballo o deporte é tremendamente relevante: no baloncesto e noutras categorías deportivas”.

 

 

Os 55 equipos participantes

CB Viveiro de Lugo

AD Bosco Salesianos de Ourense

Franciscanos de Lugo

EDM Ponteceso

CB As Pontes

CD Los Rosales de A Coruña

ADM Peleteiro de Santiago

CB Mercedarias de Ferrol

CB Costa Artabra

AD Franciscanos de A Coruña

CB Porto do Son

CB Artai de Carballo

CB Sarria

Cristo Rey de A Coruña

CD San José de Cluny de Santiago

CB Basquet Coruña

CB Universitario de Ferrol

Estudiantes de Lugo

Club Jesuitinas de A Coruña

CD Galogrin de Teo

ACB Costa da Morte de Cee

CD María Auxiliadora de Lugo

Celta Baloncesto de Vigo

Basket School de Ferrol

CB Culleredo

AAA Dominicos

EMB A Laracha

Escola Basket Xiria

pequebasket (3) IMG_20170509_193930_1-01 1-400x280 0pequebasket

Deixa un comentario

Deixa unha resposta

Tu dirección de correo no será publicada.


*