2011 ano histórico para Carballo Basket Xiria

Rematou o 2011 para o Carballo Básket Xiria. Momento para botar a vista atrás, lembrar éxitos e tratar de corrixir erros cara o 2012 porque, de fondo, sempre está o espírito de mellora.

Pasarán moitos anos e, seguro, seguirase lembrando o 2011 como o do meirande éxito na historia do equipo sénior masculino. Na Liga EBA, o Carballo Básket Xiria lograba a mellor clasificación de todos os tempos cun terceiro posto no campionato regular culminado coa participación no play off de ascenso a Leb Plata. No camiño da utopía cruzouse o Araberri de Vitoria, hoxe equipo desa terceira categoría do baloncesto español. Será co camiñar do tempo cando valoremos o extraordinario nivel de baloncesto que se puido ver durante cinco anos en Carballo. Un lustro de loita épica na EBA paseando o nome de Xiria e de Carballo por toda España. As esixencias económicas da competicición e as estreiteces dos tempos que corren facían imposible continuar cun proxecto consolidado no deportivo pero inviable no económico. Bueno, viable era, pero só recurtando a atención e os recursos na base. E por iso sí que non pasaba o futuro do Carballo Básket Xiria. A decisión doeu pero foi contundente.

O escintilante equipo da EBA non lle puido quitar brillo aos éxitos acadados no resto de categorías. Comezando polo equipo sénior que militaba na Liga Zonal. Formado na súa totalidade por rapaces xurdidos da canteira e aportando ata seis xogadores ao primeiro equipo lograron o ascenso á Segunda Autonómica ao superar unha dura fase regular e tres eliminatorias de play off. Eles pasaron a ser o referente para o baloncesto de base en Carballo, doce xogadores da casa que están a pelexar por subir un chanzo cara a vindeira campaña. 

O 2011 foi o ano do júnior feminino. As rapazas racharon as cotas de protagonismo e escureceron aos tradicionais e puxantes equipos masculinos. Outro momento para a historia foi, no mes de marzo, a consecución do campionato de liga. Un triunfo que daba dereito a participar na Copa Galicia á que accederon por primeira vez e na que chegaron ata as semifinais medindo o seu nivel con transatlánticos do baloncesto feminino galego como o Celta, o Pío XII ou o CB Cluny.

O júnior masculino acadou a clasificación para a Copa Galicia e aportou un bo número de xogadores ao primeiro equipo demostrando a valía da xeranción do 93. O alevín masculino tamén saltou á primeira páxina coa súa clasificación para a Liga Galega. Os hoxe infantís apuntan alto. Pode que eles achegen a nova “xeración de ouro” do Carballo Básket Xiria. De feito, dous rapaces desa camada, Pablo Moreira e Cristian Lage foron seleccionados para defender as cores de Galicia no Campionato de España de Mini Básket.

A faceta máis solidaria do Carballo Básket Xiria quedou demostrada coa continuidade do convenio de colaboración coa ONG Amigos de Silva. Quixemos colaborar cun gran de area de solidariedade dentro da praia que está a facer esta ONG. A finais de 2011 asinábase un convenio con ASPABER no que se colma unha vella aspiración e no que se  vai poñer toda a ilusión da entidade para apoiar unha das mellores institucións que naceu en Carballo. 

Así transcorreu este 2011. Unhas veces con acertos, outras con erros … Unhas veces con alegrías e outras con tristuras, como a perda dun gran amigo da familia do Xiria como José Antonio Vega ao que botaremos moito de menos. El demostrounos durante vinte anos cal era o camiño a seguir; humildade, traballo e, sobre todo, moita ilusión.